15/04/2008 »

As Fraguiñas do Mero


A nova senda do río Mero permite percorrer con comodidade, e polas duas beiras, un treito que vai dende o encoro de Cecebre até a súa desembocadura, na ría do Burgo. Esta intervención, inaugurada no verán do 2007, supuxo a posta en valor dun espacio singular así como a adecuación dun entorno natural para o disfrute de todos. Tamén facilitou que unha grande parte da poboación poidera descubrir este peculiar espacio, descoñecido para moitos, aínda veciños próximos.

Esta intervención, aínda presentando aspectos que poden ser valorados negativamente, é ben distinta a que figuraba no primeiro proxecto do ano 2002, ao que moitos veciños de Cambre, así como esta Plataforma, nos opuxemos. Tratábase dun proxecto que ía destrozar a vexetación e as arbores da área fluvial e convertir o leito do río nunha canle de formigón -ao xeito dunha tubería aberta-, que favorecería a eutrofización do río, impedindo a rexeneración da vida do río.

Aínda que as ventaxas son indudábeis, non podemos esquecer a agresiva corta de árbores que convertiron parte do paseo nun espacio con excesiva exposición ao sol e onde se bota en falla a frondosidade anterior. Con todo, non esquezamos que recunchos como o desta foto siguen a estar a carón do río, no tramo da Ponde do Noceiro a Cela, podédelo admirar.



« volver ao índice     


© Plataforma Río Mero Natural · mgonzalezarias1@me.com